Sunday 28 de April de 2024

O Concello de Malpica recibe a visita do vicepresidente da Deputación da Coruña e do alcalde de Oleiros


O goberno local, presidido polo alcalde Walter Pardo, recibiu ás 11:30 horas no Salón de Plenos a Xosé Regueira e Ángel García Seoane, respectivamente vicepresidente do organismo provincial e alcalde do Concello de Oleiros, e tamén deputado provincial.

O Concello de Malpica recibiu esta mañá a visita do vicepresidente da Deputación Provincial da Coruña, Xosé Regueira, e do alcalde do Concello de Oleiros e deputado provincial, Ángel García Seoane, nunha recepción institucional no salón de plenos da Casa do Concello de Malpica de Bergantiños. Alí estiveron presentes, por parte do Concello de Malpica, o seu alcalde, Walter Pardo; xunto aos concelleiros de Promoción Económica, Sergio García; de Turismo, Alfredo Cañizo; a concelleira de Olaría, Leticia Varela e o concelleiro de Deportes, Miguel Varela.
Ambos, tanto Xosé Regueira como Ángel García Seoane, asinaron o libro oficial do Concello de Malpica, e o rexedor de Oleiros entregoulle ao alcalde de Malpica, Walter Pardo, o libro ‘Ensemble Isaac’.
O motivo da visita á vila oleira por parte do vicepresidente da entidade provincial e do alcalde do Concello de Oleiros foi a de poñer en valor a artesanía local, que comparten ambos concellos, e que serve de sustento para moitas familias de ambos municipios.
Visitaron o EcoMuseo Forno do Forte, dos poucos que quedan activos na provincia, para poñer en coñecemento conxunto ‘o que aquí facemos e que nos pertence a todos’, destacaron.
A artesanía, e ‘máis concretamente a olaría’, argumentaba o alcalde, Walter Pardo, ‘é un dos elementos vehiculares tanto de Galicia, como máis concretamente de municipios como os nosos’, comentou o rexedor malpicán. ‘A súa esencia pervive intacta ata os nosos días, e temos que agradecer o desempeño diario das nosas e nosos artesáns para mantela viva’, aludiu, facendo fincapé na ‘importancia que ten para construír identidade’, finalizaba Pardo.
Pola súa banda, o vicepresidente provincial, Xosé Regueira, quixo ‘amosar a ledicia de propiciar este acercamento entre vilas oleiras, que historicamente foron un sector económico moi importante para o noso país. Temos que facer que estean moito máis presentes, temos o reto de recuperar o uso da olaría como algo cotiá’, sinalou.

O alcalde do Concello de Oleiros e deputado provincial, Ángel García Seoane, destacou que ‘aquí se conserva a historia, como a xente laboraba. Temos que levantar a olaría, vai sendo hora de que se volva ás pezas orixinais, recuperar a historia e o traballo’, sinalou. ‘Temos moito traballo por diante, pero iso correspóndenos a nós, os políticos’, finalizou.
A concelleira de Olaría do Concello de Malpica, Leticia Varela, recalcou que ‘é o momento de volver a sectores primarios e de volver ás raíces, do que é noso e do que queremos vivir. Tamén é o momento de buscar outro tipo de turismo, máis sustentable, porque temos a posibilidade para facelo’, e engadiu os seus ‘agradecementos ao alcalde de Oleiros nun primeiro achegamento entre vilas, de cara a tecer redes cun obxectivo común: a olaría’, finalizou.